Esta lei trata de aportar solucións novas, ambiciosas e pioneiras a problemas estruturais do agro galego. Ademais, completa un amplo corpus normativo que conflúe neste mesmo obxectivo. É, pois, coherente co que xa se ten feito no plano legal, pero quere ir máis alá.
Así, iniciativas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta da terra constitúen unha novidade que xa están a dar os seus froitos, con actuacións piloto que confirman o éxito destes proxectos. Esta lei dará carta de natureza legal a estas e outras figuras de recuperación das terras, achegando plena seguridade xurídica a todos os axentes que interveñen no rural galego.